Tuesday 21 de May de 2024

José Luís García: “grazas de todo corazón aos veciños e veciñas de Brión. Ser o voso alcalde é a maior honra que unha persoa pode ter”


O Pleno brionés toma coñecemento da renuncia de José Luís García despois de 41 anos como alcalde

O Pleno municipal de Brión tomou hoxe coñecemento da renuncia de José Luís García García á súa acta de concelleiro polo grupo municipal socialista e como alcalde de Brión, cargo que desempeñou durante os últimos 41 anos. Unha renuncia que, tal e como anunciara García a semana pasada, está motivada en razóns persoais que lle impiden o desenvolvemento do seu cargo como primeiro edil do municipio.
García recibiu hoxe o apoio e afecto de todos os concelleiros e concelleiras do Pleno, así como de moitos edís de lexislaturas pasadas e representantes dos municipios veciños que tamén quixeron estar presentes nesta despedida. Debido á situación sanitaria actual, dende o Concello se fixo un chamamento a evitar concentracións veciñais diante da casa consistorial.
José Luís García rematou o que foi a súa derradeira intervención como alcalde agradecendo todo o apoio recibido: “grazas a todas as persoas presentes hoxe aquí. E grazas de todo corazón aos veciños e veciñas de Brión. Ser o voso alcalde, o alcalde do pobo onde nacín, é a maior honra que unha persoa pode ter”.
Agradecementos
García destacou a importancia deste acto pois “o Pleno Municipal é o órgano no que están representados todos e cada un dos veciños e veciñas de Brión. Para eles quero que sexa o meu primeiro agradecemento. Se de algo presumo é do entendemento que sempre houbo entre a veciñanza e o Goberno municipal, porque sen esa complicidade non tería sido posible facer todo o que fixemos ao longo destes case 42 anos. Gracias a eles, Brión foi concello pioneiro en moitas cousas”.
Así repasou que Brión foi o primeiro municipio rural en levar o abastecemento e saneamento a todas as súas aldeas ou que foi o primeiro concello en facer as súas actas en galego. Así mesmo, lembrou que dispón de todo tipo de instalacións e servizos: gardería, instituto, escola de música, biblioteca, piscina municipal cuberta, campo de fútbol de herba artificial, escolas deportivas “e unha das máis completas programacións culturais da comarca”. Neste sentido, recoñeceu que lle queda “unha espiniña cravada que é non poder ter construído o auditorio. Temos os terreos e cando esta pandemia do coronavirus pase, que pasará, espero que se faga realidade”.
Acto seguido, García agradeceu o traballo desempeñado por todos os homes e mulleres que, ao longo destes 41 anos, tiveron a honra de representar á veciñanza de Brión como concelleiros e concelleiras dos distintos grupos municipais, especialmente aquelas persoas xa falecidas. Un agradecemento que fixo extensible aos actuais concelleiros dos grupos da oposición, así como aos seus predecesores.
“Dicíame unha xornalista da Voz de Galicia, antes da pandemia, que Brión era un sitio distinto, pois viñamos de aprobar os orzamentos deste ano por unanimidade. E abofé que así é. Somos distintos, representamos a distintas opcións políticas, temos as nosas propias ideas… pero se algo temos claro todos e cada unha das persoas que nos sentamos neste salón de plenos é que vimos aquí a traballar polo benestar dos nosos veciños e veciñas”, apuntou José Luís García, quen tamén aplaudiu a “elegancia” dos dous grupos ao non levar mocións, nin preguntas a esta derradeira sesión.
Finalmente, tivo unhas palabras para os concelleiros e concelleiras do grupo municipal socialista: “estou convencido de que tendes a capacidade e as mesmas gañas de traballar por esta terra que tiña eu cando comecei hai xa case 42 anos. Preguntábanme o outro día cal era o segredo para ser alcalde durante tanto tempo. A cuestión é moi simple: cando un veciño vén á Casa do Concello porque ten un problema, o que hai que facer é poñerse na súa pel e preguntarse: que me gustaría a min que fixera o Concello? E despois, preguntarse: e que me permite facer a lei? E se non sabedes o que di a Lei, xa volo dirá o señor secretario”.
Así mesmo, reafirmou o seu total apoio á persoa que saia elixida alcalde nunha nova sesión, que en principio terá lugar no prazo de 10 días hábiles. “Estou seguro de que a persoa que este Pleno elixa para substituírme vaino facer igual ou mellor ca min. Contades con todo o meu apoio para todo o que eu poida facer. A miña experiencia está á vosa disposición, así como dos veciños e veciñas de Brión, para todo o que poidades precisar”, ofreceu o alcalde saínte.
Intervencións da oposición
Previamente, o voceiro do BNG, Tito Souto Castiñeira, amosou o seu agradecemento a García “por todos estes anos de traballo e expresarlle os nosos mellores desexos na súa vida persoal. Ten en nós uns veciños que o aprecian e o valoran pois non esquecemos o traballo feito en tantos anos”. Pola súa banda, Waldo Carballo García, voceiro suplente do PP, agradeceu “as boas maneiras e o comportamento respectuoso que sempre tivo con nós.
Esperemos que o Goberno que saia do próximo pleno siga nesa liña o resto da lexislatura. Nós tendemos a nosa man para traballar polos veciños e veciñas”.

Finalmente, Xosé Luís Penas Corral, concelleiro do BNG e deputado provincial, tomou tamén a palabra para desexarlle “toda a sorte do mundo” a un alcalde que “sempre pensou nos veciños”. Así mesmo, aproveitou para trasladarlle o afecto da Deputación da Coruña, onde García estivo dúas lexislaturas (2007/2011 e 2015/2019): “o recordo que deixou na Deputación foi moi bo e moi positivo, polo queremos trasladarche tamén esta lembranza no seu nome”.
Resto da sesión

Nesta sesión ordinaria tomou posesión Ana Isabel Candame Areosa como nova interventora do Concello de Brión, aprobouse a acta da sesión de 17 de xuño e deuse conta do PMP do segundo trimestre de 2020, que foi de 13,38 días, e da situación de cumprimento das regras de estabilidade económica e regra de gasto.
Así mesmo, deuse conta de que Mari Carmen Touceda Freira, veciña da Igrexa (Ons), será quen ocupe a acta que deixa vacante José Luís García e de que Pablo Lago Sanmartín, ata o de agora concelleiro de Urbanismo e primeiro tenente de alcalde, queda como alcalde en funcións ata que se celebre unha próxima sesión plenaria extraordinaria para a elección do novo alcalde.